O goberno galego vén de estrear unha aula virtual ligada á Rede de Centros para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), dende a que as persoas interesadas poden formarse en diversos eidos tecnolóxicos sen necesidade de acudir de xeito presencial ás aulas.
Trátase do chamado Espazo Multimedia de Aprendizaxe, ao que se accede dende a web da CeMIT, e no que xa hai dispoñibles nove cursos de teleformación sobre diferentes categorías de capacitación dixital.
Falamos xa dun catálogo de cursos moi variados, que van dende como manexar os nosos datos persoais na Rede, ata o uso de ferramentas como o GIMP, o Audacity, o Openshot, o Klavaro, o AbanQ ou os programas de creación dixital para elaborar carteis e folletos, como o Scribus ou o Inkscape, entre outros.
Os cursos, que están a disposición dos usuarios rexistrados na Rede CeMIT de Galicia, están operativos todo o ano, polo que, segundo informan dende a entidade pública, “non será necesaria a matriculación ou reserva de praza antes da realización do curso”.
Deste xeito, bastará con entrar na aplicación, escoller o curso que se desexe realizar, premer na ligazón correspondente e comezar a formación dende calquera punto da xeografía que dispoña de conexión a Internet, totalmente de balde.
Aquelas persoas que non sexan usuarias das aulas CeMIT de Galicia deberán rexistrarse como tal para poder botar man destes cursos a distancia. Na web da entidade xúntanse uns breves titoriais que explican como facelo de xeito resumido, así como información de utilidade sobre o uso desta aula virtual.
Os nove cursos dispoñibles arestora son os que seguen:
– Como manexar os nosos datos persoais. Lei orgánica de protección de datos.
– Prevención de Riscos Laborais no Uso das TIC.
– GIMP. Unha ferramenta en software libre para o deseño dixital.
– Audacity: edición de son en software libre.
– Openshot: unha ferramenta en software libre para a edición de vídeo.
– Klavaro. Unha ferramenta para mellorar a mecanografía.
– AbanQ: Xestión empresarial.
– Elaboración de carteis e folletos: Scribus, Inkscape.
– Xogos de adestramento mental: Gbrainy, Pezas e mini-aplicacións.
Para inscribirse ou solicitar máis información sobre as actividades que se levan a cabo en torno ás TIC nos centros da Rede CeMIT, as persoas interesadas poden dirixirse á aula máis próxima, ou ben á web oficial.

