O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) vén de presentar o seu informe anual La sociedad en Red 2011, que elabora puntualmente dende hai 5 anos para dar a coñecer a situación do estado en materia de novas tecnoloxías e conexión a Internet.
O informe deste 2012 ten como novidade a achega dunha sección sobre cloud computing e outra sobre redes sociais, dous capítulos que nos últimos anos levan collendo folgos a reo na nosa sociedade.
Neste senso, o máis salientable do estudo é que no período analizado aumentou considerablemente a penetración de Internet nos fogares españois, de maneira que o 61% dos mesmos dispoñen de conexión, o que supón uns 10,3 millóns de fogares conectados; e tamén aumentou de xeito importante o uso da Rede entre a cidadanía; deste xeito, e sempre segundo datos do INE, o número de internautas de 10 anos ou máis é de 26,7 millóns, cun incremento interanual do 2,6%.
Cabe destacar tamén que unha terceira parte dos fogares que se conectan a Internet fano a través do móbil, o que supón un incremento de case 14 puntos porcentuais respecto do último estudo realizado, que tendo en conta que foi hai un ano, o incremento rexistrado destaca aínda máis se cabe.
Entre as principais actividades realizadas en Internet polos usuarios na última semana atópanse o correo electrónico e o buscador, con porcentaxes do 70% e do 66% respectivamente.
A consulta de noticias por Internet alcanza o 46% dos usuarios e en torno ao 28% atópase a mensaxeiría instantánea e o mantemento dun perfil en redes sociais.
Destaca asemade que a comunidade internauta española “atópase entre as máis activas do mundo nas redes sociais” e o informe indica que aqueles internautas que usan as redes sociais con fins profesionais destacan que o fan nun 57,6% para buscar traballo e nun 30,3% dos casos para darse a coñecer como profesional.
Os datos da enquisa relativa aos servizos dos que dispoñen os fogares españois din que en primeiro lugar destaca a penetración de telefonía móbil (92%), seguido da telefonía fixa (82%), Internet (61%) e a televisión de pago (23%).
A banda ancha segue medrando nas empresas estatais
A outra sección que máis se coida deste estudo, a relativa ás empresas, indica que o comercio electrónico aumentou a facturación nun 17,4% respecto ao pasado estudo, e que o volume de compradores en liña ascende a 11 millóns, o que supón o 43,1% dos internautas españois.
O uso de Internet a través do móbil aumentou de forma xeneralizada en todo tipo de empresas, ben sexa grandes, medianas, pequenas ou microempresas.
No ámbito das solucións tecnolóxicas, o cloud computing aparece como unha das solucións destacadas que lle permite ás empresas aumentar a súa eficiencia e mellorar a súa productividade.
Uso da Administración en liña
Sobre Administración Electrónica, o informe do ONTSI destaca que 28 millóns de persoas dispoñen xa de DNI electrónico, e que o 99% dos procedementos de alto impacto da Administración Xeral do Estado “son totalmente accesibles en Internet”, o que favorece o uso da plataforma virtual por parte dunha ampla maioría da poboación española.
Sanidade, xustiza e educación son as áreas que máis apostaron polo impulso da Administración electrónica estatal, e tamén os ámbitos máis reclamados pola cidadanía en materia de trámites en liña.

