
O acto principal consistirá, como vén sendo habitual, nunha cea de gala na que se reúnen os colexiados e colexiadas co empresariado galego e cos principais representantes da Administración Pública, e nunha entrega de premios que congregará a máis de duascentas persoas no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.
A través das distintas categorías estipuladas, o CPEIG recoñecerá aquelas iniciativas ou persoas que destacan no eido da Enxeñaría en Informática no noso país, das que cales só podemos adiantar, polo de agora, o Premio á Traxectoria Profesional que lle será concedido a Víctor Gulías, e o Premio Iniciativa da Administración, que este ano recaerá no Concello da Coruña polo Proxecto Coruña Smart City.
Nos vindeiros meses, os colexiados e colexiadas decidirán a quen outorgarlle o Premio á Iniciativa Emprendedora, o Premio á Iniciativa Empresarial e o Premio Ada Byron, este último dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática, líderes na adopción da tecnoloxía e “con capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social”, engaden dende o CPEIG.
Tamén terán que decidir, de entre as propostas recibidas, a quen concederlle este ano o Premio Proxecto Fin de Carreira, unha convocatoria que aínda está aberta á presentación de candidaturas e que é a única que conta con dotación económica, de nada menos que de 1.000 euros.
Dende o Colexio anuncian, para os interesados en colaborar, que aínda está aberta a posibilidade de patrocinio da Noite, dirixida principalmente a todas aquelas institucións ou empresas que, en palabras da organización, “queiran ter unha presenza destacada nun dos máis relevantes acontecementos anuais do sector TIC”.
O CPEIG prepara os actos da IV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
Compartir Este Artigo

