Coa intención firme de incrementar a confianza dos investidores de débeda pública da nosa Comunidade, a cal, por certo, é a que conta “con menor déficit público de España”, a Xunta está a ultimar a posta en marcha do Portal do Investidor, unha plataforma en liña que facilita o aumento da transparencia da situación financeira do pais para animar á cidadanía a investir aquí.
Así o afirma o director xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellaría de Facenda, Manuel Galdo, quen a maiores explicou que se trata dunha web á que se poderá acceder dende a web institucional da Administración, e que ofrecerá información de utilidade sobre datos macroeconómicos, financeiros, orzamentarios e institucionais do noso país, “de maneira que se converta nun lugar de información e consulta especializada”, apuntou.
Manuel Galdo salientou que un dos principais obxectivos da ferramenta en liña é que se coñeza a situación financeira de Galicia, que ademais de ser a comunidade con menor déficit en 2011, como apuntamos anteriormente, “con menos da metade da media estatal”, afirmou, “é a autonomía que ten o maior rating posible –o mesmo que o Estado- e a única de réxime común que non tivo que acollerse a o mecanismo especial habilitado polo Goberno central para o pagamento de provedores”, engadiu Galdo.
A web, que estará habilitada en galego, castelán e inglés, dará acubillo a toda a información que os especialistas en mercados financeiros precisan para realizar a súa actividade cotiá, de maneira que poidan analizala e comprobar a situación de Galicia en comparación coas demais Comunidades en termos de solvencia, rigor orzamentario e cumprimento do déficit público.
A Xunta ultima a posta en marcha do Portal do Investidor
Compartir Este Artigo

