A Consellería de Traballo e Benestar e a Universidade de Santiago de Compostela, veñen de asinar un convenio de colaboración para unir folgos a prol do desenvolvemento dun sistema de seguimento telemático dos nosos maiores, que permitirá a prevención de accidentes e de longas esperas en soidade no caso de ter sufrido algún.
Trátase do proxecto pioneiro Miavizor, deseñado para o seguimento e monitorización dos hábitos de vida das persoas que viven solas no rural, que permitirá establecer perfís e detectar anomalías na forma de actuar das persoas maiores, con tempo de antelación suficiente como para evitar accidentes.
Este sistema de seguimento telemático, que desenvolveu a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PsiCom), vai ser implantado en 500 fogares de 141 concellos galegos, nos cales se instalarán distintos sensores de movemento sen fíos que enviarán información puntual a uns receptores.
Desta maneira, a unidade de investigación poderá analizar a rutina diaria dos movementos das persoas maiores que habitan os devanditos fogares, e a partir da información procesada, establecer “perfís e hábitos de vida”, de utilidade para a prevención de accidentes.
O sistema permite, por exemplo, detectar os hábitos diarios de alimentación do usuario, a través dun sensor localizado na neveira, ou os hábitos de sono, mediante sensores na habitación.
Entre as vantaxes que ofrece Miavizor radica a atención integral, ao actuar de xeito ininterrompido as 24 horas do día e os 365 días do ano; a facilidade de uso por parte dos profesionais; a sinxela instalación e o feito de non alterar a intimidade dos maiores monitorizados.
Segundo informou o director da PsiCom, Jesús Varela, este servizo de teleasistencia “é o máis completo de Europa, e será instalado en 500 fogares de Lugo e Ourense ata decembro do ano 2015”, engadiu.
Xunta e USC colaboran nun proxecto de teleprevención para persoas maiores
Compartir Este Artigo

