Windows Phone 7.8 achegará a pantalla de inicio de Windows Phone 8 a vellos terminaisCando Microsoft deu a coñecer o Windows Phone 8 foi un duro golpe descubrir que os actuais móbiles con Windows Phone 7.5 non terían potencia suficiente para correr co núcleo do novo sistema operativo, o que compensarían desenvolvendo o vello sistema en paralelo, de xeito que tería unha versión 7.8 que incorporaría algunhas das características de Windows Phone 8 como a súa nova pantalla de inicio. Agora que os móbiles con Windows Phone 8 comezan a chegar ás nosas mans a xente preguntábase cando vería a luz Windows Phone 7.8, rumoreándose que podía chegar hoxe mesmo, pero finalmente o que tivemos foi o anuncio de Microsoft de que chegará a moitos dispositivos a primeiros de 2013. Imaxe filtrada dun Nokia Lumia 510 funcionando con Windows Phone 7.8Nas últimas horas filtráronse versións do Windows Phone 7.8 para numerosos móbiles (HTC Titan, HTC Mozard, HTC HD2, HTC Radar, HTC HD7, Samsung Omnia 7, HTC Trophy, HTC 7Pro, Nokia Lumia 710 e Nokia Lumia 800), o que indicaría que o WP7.8 xa estaría totalmente desenvolvido, e os esforzos actuais están na súa integración no hardware dos distintos fabricantes. Con estes anuncios o que se dá a entender que os usuarios que mercaran dispositivos como o Nokia Lumia 800 non se verán abandonados a curto prazo, senón que seguirán a contar con novas aplicacións e con actualizacións do seu sistema operativo, existindo rumores que apuntan que, aínda que estea no forno o Windows Phone 7.8, non sería de sorprender que ao longo de 2013 puideramos ter tamén unha versión 7.9 que continuaría a manter vivos uns terminais que poderían acadar certo peso en mercados emerxentes ou entre consumidores pouco esixentes (pois neste momento poden conseguirse a prezos moi atractivos).