Cada vez vemos máis curiosidades tecnolóxicas nacidas do crowdfunding, e desta volta, en vez de achegarnos a Kickstarter imos cara a Indiegogo, plataforma na que están a buscar financiamento para o proxecto popSLATE, que consiste nunha funda para o iPhone 5 que na súa parte traseira inclúe unha pantalla de papel electrónico e que pretende venderse a mediados de 2013 a un prezo de 119 dólares, aínda que os usuarios que fagan a compra anticipada poderían conseguila por prezos que parten dos 79 dólares.

Teñen previsto vender esta funda de menos de 75 gramos de peso en cor branca ou negra, e están a buscar financiamento para conseguir integrar neste accesorio a tecnoloxía de papel electrónico máis moderna e coa resistencia necesaria para soportar o castigo habitual que reciben as fundas de móbil. Non parece que vaian ter problemas para conseguir o financiamento, pois a 47 días de rematar a campaña de crowdfunding xa conseguiron a terceira parte do obxectivo económico fixado (150.000 dólares).
Vídeo de presentación do proxecto de crowdfunding popSLATE
Preparan unha funda para iPhone 5 con pantalla de papel electrónico
Compartir Este Artigo

