Sony incorpora ao seu catálogo de smartphones europeos un par de terminais bastante interesantes que estarán dispoñibles esta mesma primavera e que, sen chegar a facer sombra ao Xperia Z, son unha boa opción para moitos usuarios, que atoparán móbiles cun deseño moi elegante e boas prestacións, sen situarse nunha gama tan alta como o móbil insignia de Sony, e optando por pantallas de menor tamaño.
O Sony Xperia SP é un dispositivo cunha estrutura de aluminio bastante atractiva, que loce unha pantalla de 4,6 polgadas de alta definición (720p) e tecnoloxía Mobile BRAVIA Engine 2 e que presume da conectividade One-touch de Sony (uso do NFC que permite a transmisión de ficheiros e que incluso permite a duplicación da súa pantalla nun televisor BRAVIA compatible con tal tecnoloxía con só tocar co móbil o seu mando a distancia).

Na mesma liña chegará tamén o Sony Xperia L, que opta por unha pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, de aí que reduza o seu peso ata os 137 gramos, deixando o seu grosor en 9,7 milímetros. Funciona cun procesador Qualcomm MSM8230 de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM e 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb); tamén ofrece conectividade One-touch e sistema operativo Android 4.1.
Cómpre destacar que ambos móbiles queren destacar polas súas cámaras de 8 Mpíxeles, que integran un sensor Exmor RS (cun sensor de luz BSI de nova xeración) que captura imaxes de pouco ruído incluso con pouca luz, que é unha das prestacións na que máis están a avanzar os móbiles nos últimos meses. Tamén permite tomar unhas boas instantáneas a contraluz grazas á función HDR.
Vídeo de presentación do Sony Xperia SP
Vídeo promocional do novo Sony Xperia L

