

Oposición ao borrador da Lei de Servizos Profesionais
Cómpre destacar a intervención de Fernando Suárez, presidente do CPEIG, quen falou do futuro das enxeñarías ante a reforma da Lei de Servizos Profesionais, que de aprobarse nos termos recollidos no borrador suporía “un agravio inaceptable para as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática”. Suárez tamén amosou a súa preocupación ante “a cegueira dos nosos actuais gobernantes, quen, cando estaban na oposición, clamaron contra a discriminación á que o Goberno socialista sometía ao colectivo das enxeñeiras e enxeñeiros informáticos, e que agora fan caso omiso ás múltiples iniciativas aprobadas nos parlamentos autonómicos, Congreso dos Deputados e Senado a prol da Enxeñaría en Informática”. Tamén apuntou que todos os sectores da sociedade moderna apóianse na Enxeñaría Informática para o seu funcionamento e excluíla do resto das enxeñarías suporía “impedir que o país avance e progrese de xeito aceptado”, amais de restarlle garantías á sociedade e abrir a porta da emigración aos profesionais que porán o seu coñecemento ao servizo doutros países de prosperar o borrador da Lei de Servizos Profesionais.
