A Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) aínda non fixo públicos os novos dominios. Malia que en xuño do ano pasado, cando a corporación anunciou as case 2.000 solicitudes que recibiran, asegurouse que sería no primeiro trimestre do ano actual cando se dese o nome dos beneficiarios finais, isto aínda non aconteceu. Con todo, a polémica está servida en moitos casos. Un dos sectores que está preocupado coa concesión destes novos dominios é o das denominacións de orixe dos viños. A Federación Europea de Viños (EFOW) teme que as extensións referidas a este líquido, como .wine ou .vin, provoquen que se faga un emprego fraudulento e abusivo dos caldos que conten con Indicación Xeográfica (IX). Por iso, esixiron á ICANN a protección destas indicacións.
O alto prezo destas extensións tamén foi motivo de polémica. Sobre todo, no que se refire ao tema económico, porque fará que as empresas ou páxinas de Internet que non conten con fondos de abondo perdan gran parte da súa cota de mercado. O custo é de 144.000 euros só por presentar a solicitude e 19.000 en concepto de cota anual de mantemento. Por certo (cambiando de tema durante tres liñas) presentáronse un total de 1.930 solicitudes, é dicir, case 2.000 empresas que xa abonaron os máis de 100.000 euros. Fagan a multiplicación e saberán o que xa recadou a ICANN.
Un dos principais exemplos neste senso é o dominio para webs de póker online. Son moitas as casas en liña deste xogo de cartas que non poderán pagar o solicitado. Algo que, case con total seguridade, vainas facer descender á segunda división das casas online, e mesmo á desaparición.
Tamén en Estados Unidos saltou a polémica. Nun estudo realizado recentemente, un 94% dos encargados de pequenas e medianas empresas confesaron descoñecer o funcionamento, a importancia e todo o que rodea a estes novos dominios.
Seguramente a polémica seguirá xurdindo. Segundo declararon desde a ICANN, durante o actual mes de maio, ou no próximo xuño, comezarán a dar o nome dos primeiros dominios concedidos. Estes irán oficializándose aos poucos e de maneira gradual.
Os novos dominios xa xeran polémica
Compartir Este Artigo
