Seguimos a dar boas novas para o noso tecido empresarial TIC. Desta volta, toca falar dun novo recoñecemento ao noso potencial innovador e de crecemento: o que vén de recibir a empresa de base tecnolóxica da Universidade da Coruña, Torus Software Solutions, promovida e participada por membros do grupo de investigación GAC (Grupo de investigación en Arquitectura de Computadores) da UDC, pola propia UDC e pola Fundación Barrié, a través do seu Fondo de Ciencia. Pois ben, segundo informa a institución educativa galega, Torus vén de acadar o premio da primeira edición do UKTI Spain Technology Competition. O galardón vén da man da UK Trade & Investiment, organismo gobernamental británico de negocios e investimento que convoca este galardón a través da Embaixada Británica.
Cómpre sinalar, para facérmonos unha idea do que representa o premio para unha compañía nova, que esta distinción é a primeira que a devandita entidade concede en España. O recoñecemento, engade a UDC, permitiralles aos membros da empresa recibir unha entrada para o evento máis senlleiro do seu sector en Reino Unido e desenvolver un programa de visitas a medida con contactos clave, “o que suporá un impulso moi importante para a súa expansión comercial”.
Torus Software Solutions é unha empresa de solucións de software no eido do denominado High Performance Computing, con vertentes en sectores como o financeiro, o das telecomunicacións e a enerxía. Á hora de conceder o dito premio, o xurado tivo e en conta “o alto grao de innovación da súa tecnoloxía, o seu compromiso coa I+D+i e a súa clara estratexia de cara ao mercado británico e á súa internacionalización”.
A firma en cuestión é unha acabada de chegar (foi fundada no mes de abril deste ano), pero todo indica (o devandito galardón tamén) a que terá unha máis que longa proxección no tempo. Está participada como dixemos pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, así como polos investigadores da UDC Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez e Guillermo López Taboada. A iniciativa de mercado, sinala a institución galega, “é o resultado das investigacións levadas a cabo polos promotores no eido das comunicacións de altas prestacións e do financiamento recibido da Fundación Barrié a través do Fondo de Ciencia, sendo esta empresa o primeiro resultado do citado Fondo, creado no ano 2011, para axudar a valorización e comercialización de tecnoloxías xeradas nas Universidades e Centros de investigación Galego”.
UK Trade & Investiment (UKTI) é o organismo dependente do Goberno británico que ten como obxectivo axudar ás empresas constituídas en Reino Unido a prosperar na economía mundial. Tamén asiste ás empresas estranxeiras para realizar investimentos de alto nivel, ofrecendo coñecementos, experiencia e contactos a través da súa extensa rede de especialistas localizados tanto en Reino Unido como nas embaixadas británicas e demais centros diplomáticos distribuídos por todo o mundo. No caso de UKTI España, con oficinas en Madrid, Barcelona e Bilbao, proporciona servizos coordinados en todos os mercados clave do país, co fin de mellorar a competitividade das empresas británicas a través do comercio exterior con España.
O xurado estivo formado por Inmaculada Martínez, advisor partner de Opus Corporate Finance LLP e directora de Adigital; James Blakemore, consultor do JMB Partnership e Tony Hughes, especialista do UKTI.
A nova firma galega Torus Software, recoñecida pola Embaixada Británica
Compartir Este Artigo
