Para quen non desexe un smartphone ou para empregar como segundo teléfono, Nokia presentou hoxe os novos Nokia 207 e Nokia 208, uns móbiles en formato barra, cunha xenerosa pantalla de 2,4 polgadas, Bluetooth 3.0, conectividade HSPA (o que permítelle tirar proveito da banda larga móbil tanto dende o navegador Nokia Xpress ou de aplicacións como Facebook, Twitter e WhatsApp) e unha batería de 1.020 mAh (que permitiría unha autonomía en espera de máis dun mes e ata 12 horas de conversa a través de 2G).
O Nokia 207 sería o modelo máis básico, cunha única tarxeta micro-SIM e sen cámara; mentres que o Nokia 208 contaría cunha cámara de 1,3 Mpíxeles e tamén estará dispoñible nalgúns mercados con dobre SIM (con Easy Swap, que permite mudar de tarxeta sen ter que apagar o dispositivo). O prezo destes móbiles no mercado libre estará no contorno dos 68 dólares (52,42 euros) antes de impostos.
Vídeo promocional do Nokia 208 con dobre SIM
Nokia presenta novos móbiles básicos con conectividade 3G e acceso ás redes sociais
Compartir Este Artigo

