Esta mañá, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Antonio Crespo, formalizou a colaboración cos operadores Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology, que a través da sinatura dun convenio participarán na segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite dende fogares e PEME de zonas con dificultades de cobertura. O prazo para que cidadáns e PEME poidan solicitar as axudas abrirase unha vez se publique no DOG a relación de entidades colaboradoras seleccionadas.
O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e PEME que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2 Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2 Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2 Mbps cun período de permanencia de doce meses.

Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012 da que se beneficiaron preto de 700 usuarios, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.
Preparan a segunda convocatoria de axudas para acceder á Rede por satélite en zonas con problemas de cobertura
Compartir Este Artigo
