O evento de Google no que deron a coñecer os novos Nexus 7 e Chromecast serviu en boa medida para facer oficial o lanzamento de Android 4.3, revisión do sistema operativo móbil de Google que mantén o alcume de Jelly Bean, deixando claro que non se trata dunha grande actualización, e que hoxe mesmo comezará a chegar aos dispositivos da familia Nexus.
Android 4.3 incorpora melloras de rendemento, facendo o sistema operativo máis fluído e incorporando algunhas novas capacidades interesantes como: a tecnoloxía OpenGL ES 3.0 (permitindo que os xogos poidan tirar proveito destas extensións, dándolles uns gráficos mellorados), Bluetooth Smart (mellórase o soporte de Bluetooth coa vista posta en dispositivos de baixo consumo como sensores médicos ou accesorios deportivos), perfís restrinxidos (os usuarios de tablets poderán crear perfís de usuario con acceso limitado, pensando no uso por persoais distintas do seu propietario), novas capacidades multimedia (como facilitar o acceso ao codificador VP8 integrado ou permitindo integrar DRM nos protocolos de streaming) e acceso ás notificacións (as aplicacións poderán acceder e interactuar coa barra de notificacións), entre outras melloras, como permitir que poidamos manter a localización dos dispositivos activada grazas á conectividade Wi-Fi sen ter que ter o GPS activo todo o tempo (co consumo de batería que iso suporía).
Google estrea Android 4.3
Compartir Este Artigo
