De cara á celebración do SIGGRAPH 2013 o fabricante de tarxetas gráficas nVIDIA está a amosar as súas armas, comezando pola nVIDIA Quadro K6000 GPU, a tarxeta gráfica máis potente que se fixo nunca, combinando unhas elevadas prestacións cun consumo eficiente e destinada a un mercado profesional. A Quadro K6000 está baseada en tecnoloxía nVIDIA Kepler, con 12 Gb de memoria GDDR5 ultra-rápida, 2.880 núcleos (SMX), soporte de ata 4 pantallas con resolución 4K con DisplayPort 1.2 e ultra-baixa latencia para soportar visualizacións a grande escala.
Esta nova gráfica estará dispoñible no outono, inicialmente a través de compañías como Dell, HP, Lenovo e outros grandes fabricantes de estacións de traballo, de integradores de sistemas (como BOXX Technologies e Supermicro) e de distribuidores autorizados (como PNY en Europa); pero non é o único produto nesta liña do que están a presumir, senón que tamén deron a coñecer que a tecnoloxía Kepler terá versión móbil, que tamén no outono chegará aos integradores.

A versión móbil de Kepler permitirá que un tablet goce dunha potencia gráfica superior á dunha PlayStation 3, conseguindo manter un consumo reducido, aínda que se facemos a comparación con dispositivos móbiles un xeito de entender o logro de nVIDIA sería dicindo que con esta tecnoloxía consegue os gráficos dun iPad 4 coa terceira parte de consumo enerxético, o que é un logro notable.
Demostración da potencia da versión móbil de Kepler
nVIDIA colle a dianteira en procesadores gráficos tanto de sobremesa como móbiles
Compartir Este Artigo
