Atendendo ás demandas de gravación de vídeo persoal por parte de moitos creadores que gustan de rexistrar en vídeo as súas actividades ou videoblogs Canon presenta a nova cámara VIXIA mini, que está dotada dunha lente de ultra grande angular para poder gravar a pouca distancia e que está dotada dunha pantalla táctil abatible de 2,7 polgadas para o seu control (e para ver a imaxe que está a recibir) e Wi-Fi (facilitando a publicación dos contidos que rexistre en varias plataformas en liña sen mediación dun ordenador ou a través dunha aplicación móbil dispoñible para iOS).
A Canon VIXIA mini conta cun sensor CMOS de 12,8 Mpíxeles e un preocesador de imaxe DIGIC DV4, podendo gravar vídeo Full HD en MP4 e imaxes JPEG en tarxetas microSD, e o seu formato compacto e versátil (integra un pé para facer doado colocalo sobre distintas superficie ou adaptalo a trípodes e outros accesorios fotográficos) fai posible que o creador teña un grande control sobre as súas gravacións sen precisar de axuda doutras persoas. A cámara conta con numerosos modos de funcionamento para adaptarse á gravación de vídeos con comida e moda, actividades deportivas ou obxectos a curta distancia, podendo empregarse para facer gravacións a cámara lenta (a un cuarto de velocidade en resolución VGA ou a media velocidade a 720p) ou a cámara rápida (a 2x o a 4 x, para gravar actividades de certa duración como cociñar, maquillarse…).
Esta cámara chegará a Europa no mes de setembro a un prezo de 329 euros, aínda que cómpre destacar que o nome que recibirá no noso mercado será Canon LEGRIA mini.
A Canon LEGRIA mini facilita a gravación persoal de vídeo
Compartir Este Artigo

