A gráfica anual das liñas de telefonía móbil en España é unha costa abaixo cun lixeiro repeito e logo de novo un descenso: a ruta máis ou menos descansada de calquera ciclista. O lixeiro repeito correspondeu a maio e a recuperación da liña en descenso ao mes de xuño, mes no que a telefonía móbil volve, segundo a CMT, a números vermellos. Para entendérmonos, perdéronse 160.000 liñas. Con estes números, o total sitúase nos 51,9 millóns de liñas, un 4,9 menos que hai un ano. O 61% das que se deron de baixa corresponden a liñas de voz e o 39% restante a tarxetas de datos. Nun panorama coma este, só gañaron liñas os operadores móbiles virtuais, que son as compañías que arestora contan con máis marxe de flexibilidade e que en boa medida comezan dende índices máis baixos cós seus competidores de corte máis tradicional (polo que só lles queda medrar).

No que atinxe á banda larga, xuño semella que foi máis benevolente que coa telefonía móbil. Así, houbo unha ganancia neta de 27.755 novas liñas de banda larga. Por compañías, 4.060 para Telefónica e 41.920 novas liñas para os operadores alternativos. Os operadores de cable obtiveron unhas perdas netas de -18.220 clientes. Polo que atinxe á fibra óptica, en xuño sumáronse 18.110 novas liñas desta tecnoloxía dirixida ata o fogar (FTTH) e en total xa son 483.813 liñas. En telefonía fixa continuouse coa tónica de descenso e déronse de baixa en xuño 27.374 liñas. O total sitúase en 18,9 millóns de liñas, un 1,8% menos que hai un ano.
A telefonía móbil recupera a tónica descendente e perde 160.000 liñas
Compartir Este Artigo
