Hai menos dunha semana Google anunciou que os dispositivos con Android 2.2 ou superior poderían gozar dende este mesmo mes dun Administrador de dispositivos Android, e dende a pasada noite o servizo xa está activo, o que agradecerán especialmente os usuarios de móbiles con Android que estean de viaxe durante as vindeiras semanas, pois a principal funcionalidade desta solución é localizar o noso dispositivo móbil no caso de perda ou roubo, facilitando vía web a última posición coñecida do trebello, permitindo tamén un borrado remoto do dispositivo no caso de que vexamos difícil a súa recuperación, garantindo así que outras persoas non vaian ter acceso aos nosos datos persoais.
Esta solución tamén resulta práctica para usos máis comúns, como simplemente extraviar o móbil dentro do propio domicilio, podendo forzar a través da web que o móbil sone co volume ao máximo (aínda que estea en modo silencio), o que axudará a atopalo entre os coxíns do salón ou calquera outro recuncho no que permaneza fóra da nosa vista.
Os móbiles con Android estrean servizo de localización en caso de extravío
Compartir Este Artigo
