Os usuarios de smartphones con Windows Phone 8 como o Nokia Lumia 920 están comezando a recibir dende onte a actualización do seu sistema operativo á versión alcumada Amber, que achega importantes melloras aos móbiles co sistema operativo de Microsoft e, no caso dos dispositivos Lumia, tamén inclúe unha serie de novas aplicacións e melloras que foron probando ultimamente en novos terminais da familia para achegalos agora dun xeito máis amplo.
Os usuarios que teñan un destes dispositivos poden agardar a recibir a notificación de actualización dispoñible ou forzar a súa detección dende o menú de configuración do móbil, agardándose que antes de rematar o mes de setembro estea dispoñible para toda a familia Lumia con Windows Phone 8.
Entre as melloras recibidas nos móbiles Lumia é de destacar que finalmente activaron a posibilidade de acceder ao chip receptor de radio FM, polo que xa poden sintonizarse emisoras de radio dende o reprodutor multimedia integrado (sempre que teñamos os auriculares conectados ao móbil para facer de antena); aínda que a meirande parte dos usuarios agradecerán máis o feito de poder gozar no seu móbil das novas aplicacións de cámara desenvolvidas por Nokia (podendo seleccionar no menú cal prefiren empregar de xeito predeterminado).
Melloras na cámara

A cámara tamén conta cun para de ferramentas para vídeos, como a aplicación Nokia Video Trimmer (que permite elixir o punto de entrada e saída dun vídeo a xeito de sinxelo editor) e a aplicación Nokia Video Upload (que facilita a subida dos vídeos a YouTube).
Nova pantallas de bloqueo
Cando o móbil está bloqueado xa non se limita a amosar unha pantalla en negro, senón que agora presenta a Nokia Glance Screen, pantalla na que a hora actual móvese pola pantalla cando non estamos usando o dispositivo (acompañando o texto da hora con algunha icona informativa na que pode advertir de detalles como que temos o móbil en modo vibración ou que o estamos a cargar, evitando así ter que acender o dispositivo co brillo ao máximo para simplemente consultar a hora.
Outra das posibilidades que existen con esta pantalla de bloqueo é que pode activarse en dispositivos con máis de 512 Mb de RAM a posibilidade de acceder ao terminal simplemente facendo un dobre toque na pantalla (aínda que este sistema de detección pode afectar á autonomía do smartphone.
Outras melloras
Como característica recuperada de vellos móbiles Nokia temos agora a posibilidade de xirar o teléfono para enmudecer unha chamada que esteamos a recibir e o móbil tamén incorpora ferramentas de grande utilidade como unha mellorada versión da aplicación de Control de Almacenamento (moi práctica para cando esteamos a quedar sen espazo no dispositivo) e o Data Sense (que axúdanos a levar un control sobre o uso que estamos a facer da conexión de datos móbil). A posibilidade de facer listaxes negras de números telefónicos para rexeitar dos mesmos chamadas e mensaxes de texto tamén ven activada con esta actualización que en breve chegará aos Nokia Lumia 820/720/620/520.
