A posición de Windows Phone no mercado continúa a mellorar, superando sobradamente a BlackBerry, e no último informe trimestral de Kantar Worldpanel ComTech confírmase cuns resultados record, pois no trimestre que conclúe en xullo atoparon que nos 5 principais mercados europeos (Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España) a porcentaxe de smartphones vendidos co sistema operativo móbil de Microsoft chegou ao 8,2%.
O crecemento da penetración de Windows Phone parece estar provocado principalmente pola chegada ao mercado do Nokia Lumia 520, smartphone que en países como Reino Unido, Francia, Alemaña e México está xa no contorno de 1 de cada 10 smartphones vendidos (conseguindo ser o segundo móbil máis vendido de México co 11,6% das vendas).
O informe de Kantar asegura que só o 27% dos usuarios de iOS ou Android mudan de plataforma, de xeito que pódese entender que Widnows Phone está a ter moi boa acollida entre os usuarios que se estrean no mundo dos smartphones, de xeito que o 42% dos compradores vivían dun móbil básico, porcentaxe moi superior que a dos compradores de Android e iOS. Desta volta tamén parece ser o Lumia 520 o responsable de tal éxito, ao conseguir ofrecer unha grande calidade a un prezo moi axustado, adaptándose ao que buscan os usuarios finais.
Aínda que Apple continúa con moita forza nos EE.UU. (acaparou o 43,4% das vendas) en Europa é Android a plataforma predominante, o que tamén acontece en China (onde o 70% dos smartphones teñen o sistema operativo promovido por Google).
Se botamos a vista a BlackBerry, Kantar rexistrou que só o 2,4% das vendas europeas corresponden a tal plataforma, mentres que nos EE.UU. é de só o 1,2%, penetración moi baixa se temos en conta que estamos no ano da estrea de terminais con BlackBerry 10, que terían que ter axudado á compañía canadense a manter conta de mercado.
Windows Phone mellora a súa penetración nos principais mercados europeos
Compartir Este Artigo
