Os fabricantes chineses non parecen querer limitarse a seguir os pasos dos seus competidores occidentais, e anímanse a anticiparse, sendo unha das grandes compañías que buscan o camiño da innovación Xiaomi, que vén de presentar o seu potente smartphone MI e incluso un Smart TV baseado en Android, aproveitando a boa acollida que tivera o seu reprodutor multimedia conectado.


Durante a presentación dos novos produtos de Xiaomi tamén se aproveitou o momento para dar a benvida á compañía a Hugo Barra, un dos máximos responsables de Android dentro de Google, que pasará a vicepresidir Xiaomi a primeiros de outubro, adoptando como principal responsabilidade os negocios internacionais da compañía que quere transcender as fronteiras chinesas.
Pero o produto que pode resultar máis rechamante pola súa grande ambición é o novo Xiaomi TV, un televisor conectado cunha pantalla de 47 polgadas con resolución Full HD e polarización 3D (de feito, trataríase dun dos populares paneis LG Cinema 3D que poden empregarse con lentes como as dos cines), procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, gráfica Adreno 320, 2 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, mando a distancia con só 11 botóns (podendo tamén controlarse mediante unha aplicación para móbiles con Android), Wi-Fi de dobre banda, Bluetooth 4.0, sistema operativo Android coa personalización MIUI TV que permite dende xogar ata gozar de aplicacións que abren a porta de numerosos contidos en liña, reprodución multimedia USB (compatible cos formatos de vídeo máis populares), pode achegar contidos de dispositivos móbiles a través de distintas tecnoloxías sen fíos (WiDi, Miracat, Airplay…), e incluso un elegante deseño (cun marco de só 8,4 milímetros). Un produto realmente moi completo que destaca aínda máis ao coñecerse que o seu prezo será de só 490 dólares (372 euros) cando saia á venda a mediados de outubro, aínda que por desgraza está orientado ao mercado chinés (tanto polas plataformas de contidos integradas como pola lingua da súa interface gráfica), aínda que non sería de sorprender que nos vindeiros meses decidisen adaptalo para a súa comercialización global.
Xiaomi presenta un novo smartphone de alta gama e un televisor conectado
Compartir Este Artigo

