Os Sábados Libres da Residencia Altamar, citas sobre programación aberta ineludibles para quen ande por Vigo e contorna, volven facer ruído despois do verán coa súa terceira convocatoria. Lembrar que estas xeiras de divulgación, emprazadas no dito albergue xuvenil, veñen da man de GALPon e contan co apoio do colectivo ligado ao dito espazo para a mocidade: a asociación Altamar. A terceira edición das xornadas celebrarase este 28 de setembro, dándose ademais a feliz (e interesante) circunstancia de coincidir co 30 aniversario de GNU, cousa que GALPon terá moi en conta para organizar o curso Vim+Bash, iniciación á programación con bash scripting.
Durante a mañá, o curso incluirá unha introdución a Vim, o editor de ficheiros de texto que, segundo informa a organización, amosa unha gran flexibilidade á hora de escribir scripts. Xa despois do xantar, os responsables da xornada introducirán aos participantes en programación con Bash, o intérprete de ordes predeterminado da maioría de distribucións GNU/Linux, informa GALPon.
Lembrar que a asistencia a esta xornada é de balde e está aberta ao público en xeral, achegándose o único requisito de formalizar unha inscrición en liña, co fin de evitar problemas de aforo.
Damos conta a continuación da programación completa do evento:
·Primeiro bloque (mañá): Iniciación a Vim
Interface modal
Ordes de desprazamento
Ordes de manipulación de texto
Usando o sistema de axuda
Xanelas e búferes
Configuración
Engadidos
· Segundo bloque (tarde): Iniciación a Bash.
Definición e asignación de variables
Estruturas de control «case», «if», «select»
Bucles «for», «while» e «until»
funcións, …
GALPon retoma o día 28 os seus Sábados Libres en Altamar
Compartir Este Artigo

