Dende a Tecnópole de Ourense chegará ao mercado nun par de semanas un interesante produto para mellorar a seguridade dos nosos vehículos da man da empresa especializada en enxeñería electrónica, automática e mantemento industrial, Hicom & Tech, que é o primeiro produto comercial que achegan coa súa marca, o localizador Hicom Mov Tracker GPS.
Este dispositivo de localización GPS integra tamén tecnoloxía GSM e GPRS, de xeito que tras instalarse no noso vehículo podemos coñecer en cada momento a súa localización ou incluso programar o disparo de alertas en caso de, por exemplo, traspasar un límite establecido, comunicándose o trebello mediante tecnoloxía móbil.

O localizador GPS desta empresa de San Cibrao das Viñas pode funcionar incluso co vehículo apagado, posto que integra unha batería recargable cunha autonomía de 48 horas, é doado de instalar e configurar e chegará ao mercado a un prezo de 99 euros no seu modelo básico, pois cómpre destacar que pode completarse cunha serie de sensores segundo as nosas necesidades (por exemplo, podería dotárselle de seguridade adicional para, por exemplo, detectar un posible roubo de combustible en maquinaria pesada).
Os interesados en saber máis desta solución tecnolóxica poden escoitar unha entrevista a Antonio Quintas, xerente de Hicom & Tech, este sábado no programa Banda Ancha da Radio Galega.
Unha empresa ourensá comercializará o seu propio localizador GPS para vehículos
Compartir Este Artigo

