Cada día parece que temos máis proxectos que chegan a Kickstarter para conseguir financiamento e superan os seus obxectivos ao pouco de botar a andar, e nesta liña destaca un proxecto da compañía francesa Giroptic, que consiste nunha cámara Full HD de 360 graos capaz de tomar fotografías, gravar vídeo ou incluso transmitir o seu sinal en tempo real a través de Wi-Fi.
A 360cam procuraba xuntar 150.000 dólares para facerse realidade o vindeiro mes de novembro e cando aínda faltan 43 días para que remate a súa campaña de captación de fondos xa superou os 215.000 dólares, demostrando o atractivo deste produto con forma de ovo no que se integran 3 cámaras ollo de peixe (185 graos) que permiten crear unha imaxe envolvente que resulta moi atractiva para poder ter unha vista completa do contorno, podendo explorar este tipo de imaxes tanto na pantalla do smartphone ou do ordenador, así como en sistemas de realidade virtual como Oculus Rift (co que podemos ter unha sensación de inmersión moi realista).

A 360cam emprega como almacenamento tarxetas de memoria microSD (de ata 64 Gb), nas que garda vídeo de 2.048 x 1.024 píxeles a 25/30 cadros por segundo e imaxes JPEG de 8 Mpíxeles (das que pode tomar ata 3 por segundo). A través de Wi-Fi tamén pode emitir streaming mediante o codec en tempo real H.264 a través do protocolo RTSP. Temos así unha ferramenta que facilitaría a creación de imaxes compatibles con Google Photosphere para construír o noso propio Street View de lugares que non foran explorados por Google.

O prezo da 360cam parte de 299 dólares (que con IVE remataría sendo uns 189 euros), mentres que por 389 dólares (369 euros co IVE incluído) recibiríase a cámara xunto co protector contra a auga e o adaptador para lámpadas (o que permitiría empregar esta solución como cámara de videovixilancia sen fíos).
Vídeo promocional da 360cam en Kickstarter

