Nos últimos meses varias son as compañías que queren ser as primeiras en traer ao mercado a primeira impresora 3D realmente económica, e dentro destas iniciativas temos agora en Indiegogo intentando captar financiamento a MOD-t de New Matter, que non só quere facer asumible economicamente a impresión 3D, senón que tamén quere pór outras facilidades ao usuario, xa que a máquina tería conectividade Wi-Fi (polo que non só podería manexarse dende o ordenador, senón que incluso sería compatible con dispositivos con iOS e Android) e tamén contaría cunha tenda en liña con deseño que poderían mercarse, personalizarse, imprimirse e compartirse.
A MOD-t chegará en cor branco ou negro, medirá 380 x 365 x 280 milímetros, pesará 5 quilogramos, empregará un tipo de filamento PLA non propietario (considerablemente máis económico que o de outros competidores) e incluso permitirá crear figuras de maior tamaño (ata 150 x 125 x 100 milímetros) que outras impresoras 3D de pequenas dimensións como a MakerBot Replicator Mini ou a M3D Micro (que son considerablemente máis caras).
E o máis abraiante? Pois que neste momento pode encargarse unha destas impresoras 3D xunto a medio quilo de filamento e o software que permita o seu control por só 199 dólares, o que con portes sumaría uns 212,59 euros, aínda que habería que agardar ata abril de 2015 para recibir o produto final.
Vídeo promocional da MOD-t de New Matter

