
Por vez primeira na historia (e todo indica que non será a derradeira), xuntáronse por vez primeira, baixo un mesmo teito, todos os grupos de localización de ferramentas abertas ás linguas minorizadas do Estado. Ou sexa, os colectivos Librezale (Euskal Herria), SoftCatalá (Catalunya), SoftAstur (Asturies) e SoftAragonés (Aragón), amais do grupo Trasno pola nosa terra (grupo anfitrión).
As sesións xiraron arredor dos traballos que están a impulsar dende estes grupos para a tradución de programas como Mozilla – Firefox, LibreOffice, Apache OpenOffice e Debian GNU/Linux. Houbo sesións e obradoiros dedicados a terminoloxía, programas e recursos para a tradución, memorias de tradución e estrutura e tecido organizativo.
Nas actividades estivo presente Miguel Anxo Bouzada, coordinador do encontro e vicepresidente da Asociación Cultural Proxecto Trasno, comunidade referente na nosa terra en materia de adaptación ao galego de múltiples ferramentas de uso común. Segundo fixo saber Bouzada e reflicte en detalle Praza.com, en cuestións de asistencia superáronse as expectativas postas no encontro, ata nunha porcentaxe do 10%. E co engadido de que acudiu xente acabada de chegar ao mundo da programación aberta e a tradución. A xuntanza, sinala Trasno, foi un acontecemento moi positivo non só para os participantes directos senón para as persoas que en xeral desexan seguir empregando ferramentas informáticas na lingua de seu, e co engadido de seren libres, abertas e participativas. O ambiente xerado no encontro, “onde cada quen empregou o seu idioma, sen conflitos e sen precisar de ningunha lingua franca”, achanda o camiño para un segundo evento de semellantes características. Alén de coincidir en múltiples do seu traballo, os colectivos convocados tamén coincidiron no económico: ningunha comunidade de tradutores de software libre en ningunha lingua de España recibe compensación económica pública por traducir. “En realidade”, engade Bouzada na entrevista en Praza, “todos poñemos diñeiro, tempo, recursos persoais a disposición”.
As linguas minorizadas do Estado xuntan forzas en Compostela e deixan o camiño achandado para un segundo encontro
Compartir Este Artigo
