
En canto ao programa, dicir que a sesión da mañá comezará as 10.30 e durará ata as 14.00 horas. Está encamiñada á celebración da asemblea da asociación e aos que están no campo de localización e queiran propoñer ou debater terminoloxía a empregar. Asemade, de 12.00 a 13.00 horas, ensinarase a configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre, ou resolver as dúbidas xurdidas do mesmo.
E achegándonos un pouco ás Trasnadas, dicir que se trata de reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. Son sesións de traballo co obxectivo de axilizar e consolidar a discusión terminolóxica que decote realizan os membros de Trasno por medio da súa listaxe de correo sobre da nova terminoloxía que xorde no software libre para así fixala. Nestes encontros tamén se aproveita para planificar o futuro dos proxectos de localización nos que están a traballar (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice).
Este asentamento terminolóxico é unha das grandes contribucións que o Proxecto Trasno achega á normalización da nosa lingua nas TIC, pois supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e da súa calidade.
Por último, informar que dende a organización animan a asistir ao evento ou a participar no mesmo a través das redes sociais e contribuír así a esta importante tarefa. Todos aqueles interesados que non poidan asistir, teñen aínda a posibilidade de seguir o evento a través da rede, colaborando polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos perfís de Trasno nas redes sociais.
Chega a Trasnada 14.0: software libre en galego
Compartir Este Artigo
