
Volvendo á Universidade de Santiago, dicir que contou cun emprazamento de seu na zona de exposición (Auditorio Mar de Vigo). Nela presentouse o traballo realizado dentro de OPERE e no que colaborou a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC con material divulgativo sobre a súa actividade. Nese mesmo contexto, os investigadores do Laboratorio de Sistemas Esteban Vieites Montes e Virginia Vidal Touza participaron nunha presentación sobre eficiencia enerxética na institución académica.
O proxecto OPERE desenvólvese no Laboratorio de Sistemas do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC e traballa en diversas liñas de investigación relacionadas coa enerxía, a eficiencia enerxética e o medio ambiente. A iniciativa xorde coa intención de implantar sistemas de xestión eficiente en redes enerxéticas, tanto térmicas como eléctricas, en complexos existentes con grandes consumos de enerxía para diminuír o seu impacto ambiental.
Xa a un nivel máis concreto, lembrar que a través deste proxecto a USC ten previsto optimizar a xestión dun conxunto de instalacións técnicas de seu situadas en Campus Vida. O obxectivo: acadar nelas unha redución do consumo de enerxía asociado á xeración térmica do 30%, e dunha redución das emisións contaminantes do 35%. Para logralo, contémplase o desenvolvemento de simulacións e a posta en marcha dun sistema propio de seguimento e xestión de redes.
Neste proxecto participan investigadores do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, do Centro de investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) e diversas áreas relacionadas coa xestión de infraestruturas, enerxía e medio ambiente da USC, así como persoal técnico de EnergyLab. A iniciativa rematará en decembro de 2016 para o que contará cun orzamento de 1,19 millóns de euros e unha achega da UE en forma de co-financiamento de 566.739 euros.
Wairbut presentou Carriots City Life

En palabras dos seus desenvolvedores, a plataforma Carriots CityLife (recentemente seleccionada polo Concello de Pozuelo de Alarcón para levar a cabo a subministración e instalación dos sistemas que conforman o seu proxecto de Cidade Intelixente), ofrece aos xestores das cidades “unha solución integrada que posibilita o seguimento de todos os servizos e sistemas locais dunha forma máis intelixente grazas a unha visión única e centralizada das operacións”. Esta ferramenta, engaden, pódese utilizar para crear aplicacións que xestionen calquera dos diferentes servizos da contorna urbana: desde o control dos servizos de xardinaría ata a retirada de refugallos urbanos ou xestión da iluminación. “A plataforma”, engaden, “axuda a mellorar a calidade de vida dos cidadáns e coidar o medio ambiente”.
Na feira de Vigo, Wairbut contou cunha caseta expositora onde os visitantes tiveron oportunidade de coñecer o funcionamento da plataforma, así como os aspectos do proxecto no Concello de Pozuelo de Alarcón cunha demostración con maqueta de pezas Lego incluída.
