O fabricante Intel vén de desenvolver a nova plataforma de comunicacións do científico Stephen Hawking, unha tecnoloxía que substitúe o seu anterior sistema (de varias décadas de antigüidade) e que en palabras da multinacional “mellora de xeito drástico a súa capacidade de comunicarse co mundo”. A nova tecnoloxía, denominada Ferramentas de Asistencia Conscientes do Contexto (Assistive Context Aware Toolkit) foi presentada este martes da man do propio Stephen Hawking e os desenvolvedores de Intel. A gran vantaxe do sistema é que vai permitir ao científico comunicarse de xeito máis doado e realizar as súas tarefas cotiás con maior rapidez, aumentando a súa independencia.
Trátase dun recurso adaptable a múltiples características físicas, funcionais ou motrices e que estará dispoñible para as comunidades de investigadores e tecnolóxicos a partir de xaneiro do vindeiro ano (a comunidade internacional do ámbito da eSaúde poderá usalo para axudar ás persoas afectadas por tetraplexias ou patoloxías motoras de orixe neurolóxica). O desenvolvemento da tecnoloxía implicou un fondo estudo previo das necesidades do científico, máis polo miúdo o seu xeito de relacionarse coa máquina anterior, e tamén o tipo de patoloxía que lle afecta: unha patoloxía motora de orixe neurolóxica coñecida como esclerose lateral amiotrófica (ELA) que o deixa practicamente paralizado e podendo comunicarse só a través da tecnoloxía.
Segundo informa Intel, un equipo multidisciplinar de investigadores de Intel Labs traballou durante tres anos xunto co profesor co fin de substituír o seu actual sistema de comunicacións por unha tecnoloxía máis moderna. A colaboración do profesor Hawking, engade a compañía, “foi clave durante o proceso de deseño”, ao ofrecer achegas constantes que permitiron á empresa mellorar o sistema en cada unha das súas sucesivas versións. O software creado posibilita que as tecnoloxías novas e previamente existentes poidan operar máis eficientemente e de forma conxunta. “O sistema resultante”, engádese, “permite ao profesor Hawking escribir ao dobre de velocidade e mellorar nun factor de 10 a realización de tarefas frecuentes; así o profesor pode navegar, editar e xestionar páxinas web, documentos e correos electrónicos de forma máis rápida, sinxela e precisa ou abrir novos documentos, gardalos e editalos e alternar entre diferentes tarefas con máis facilidade”.
A tecnoloxía inclúe un sensor instalado na fazula de Hawking, que é detectado por un conmutador infravermello montado nas súas lentes, o que o dispoñibiliza para seleccionar caracteres no seu computador. A integración de tecnoloxías de software lingüístico da compañía británica SwiftKey tamén xogou un importante papel para mellorar o sistema no que a aprender directamente do profesor se refire, “predicindo os seus próximos caracteres e palabras, de forma que este só ten que escribir menos do 20% do total dos caracteres comunicados”.
Esta información envíase logo ao sintetizador da fala. Isto posibilita a Hawking comunicarse a través do seu portátil Lenovo. “Até o de agora”, sinala Intel, “o científico tiña que seguir procesos arduos, como pechar a súa xanela de comunicación, desprazar o punteiro para executar o seu navegador, movelo de novo á barra de procura e, por último, escribir os termos da procura”. O novo sistema automatiza todos estes pasos “nun proceso fluído e áxil”.
Intel mellora o sistema de comunicación de Stephen Hawking
Compartir Este Artigo
