Logo de facerse co premio Start Up Pirates, a plataforma global de moda Trendon.me, instalada hai uns meses na sala de coworking de Tecnópole vén de trasladarse á preincubadora de proxectos empresariais, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia e a Universidade de Vigo, onde continuará desenvolvéndose durante un ano. Segundo unha das súas creadoras, Nuria Iglesias, trátase dunha plataforma “cun espazo para adictos ás últimas tendencias, blogueiros, deseñadores emerxentes e tendas, unha especie de ecosistema onde todos eles poidan comunicarse e vender os seus produtos”.
E que se agocha detrás de Trendon.me? Trátase dunha rede social centrada exclusivamente no mundo da moda. A idea comezou a tomar forma e realidade grazas a unha bolsa do programa Talentum Startups de Telefónica, co que se trata de impulsar o talento innovador entre mozos amantes das novas tecnoloxías e coa que esta enxeñeira chegou a optar á final nacional, premiada con apoio económico e formativo para desenvolver as súas ideas empresariais.

E para rematar este proxecto, inclúese un espazo para os blogueiros, os “promotores por excelencia”, nos que os profesionais da moda poden “compartir estilos e servir de transmisores da trastenda á xente da rúa”; por outra, os novos deseñadores, que “queren colocar as súas creacións pero moitas veces non teñen medios económicos para facelo porque as páxinas web lles esixen unhas marxes moi grandes”, explica Nuria.
Esta plataforma serve para conectar servizos, poñer a todos os actores en contacto e ofrecerlles un beneficio mutuo. Agora o proxecto comeza a tomar forma. Xunto coa súa socia, Ángela González, e un asesor tecnolóxico, Miguel Gesteiro, están a desenvolver a web final de Trendon.me, na que ademais de dar acubillo aos catro protagonistas da plataforma se incorporarán novos servizos, como un calendario de eventos de moda ou as últimas noticias do sector.
Cando a web definitiva estea a pleno rendemento nela haberá blogueiros, tendas e deseñadores de ámbito nacional.
A Tecnópole e a Universidade de Vigo abren oficialmente as súas portas a Trendom.me
Compartir Este Artigo
