O Consello da Cultura Galega segue adiante, incansable, co seu importante labor de recuperación do noso patrimonio artístico (en calquera das súas moitas manifestacións) con todo o que implica hoxe en día para o CCG o termo recuperación: non só procura, rexistro, inventariado e posta en valor senón tamén dixitalización, envorcado na Rede, democratización ou divulgación. Este 2 de decembro, sen ir máis lonxe, o Consello deu a coñecer a Hemeroteca Feminista Galega A Saia, cuxo obxectivo é “achegar ao mundo da investigación e ao público en xeral publicacións fundamentais para entender o movemento feminista galego e a historia recente do noso país”. Para comezar, achéganse números íntegros e indexados das revistas A Saia, Andaina e Festa da Palabra Silenciada.
Este traballo de recuperación (e polo tanto de dixitalización e publicación en liña) veu da man da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega en colaboración co Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona. O resultado é un proxecto que recupera e dá a coñecer unha boa parte deste material.
Segundo explicou durante a presentación Helena González, coordinadora canda a Mariam Mariño do proxecto, “trátase dun material imprescindible para facer a historia da Galicia dos anos 80”. A iniciativa abrangue a posta en marcha dunha web de seu, onde (entre outras cousas) descríbense as devanditas cabeceiras, fornécense reproducións facsimilares dos exemplares e achégase unha serie de índices documentados que, segundo informa o CCG, permitiron atribuír a autoría de moitos artigos e coñecer mediante un sistema de etiquetado os contidos de cada texto. A descrición de cada publicación subministra datos como a periodicidade, o número de páxinas, se incluía publicidade ou mesmo o prezo de venda.
Na presentación da iniciativa estivo presente tamén María Xosé Agra, coordinadora da Comisión da Igualdade do CCG, quen lembrou que o material agora recollido “corría o risco de se perder. Moitas cabeceiras xa non se editan, ou pertencían a colectivos hoxe desaparecidos. Entón fican coleccións nas mans de persoas particulares, e é pola súas doazóns e mais pola colaboración de organizacións que podemos ter este material e polo a disposición da cidadanía e das investigadoras”.
O Consello da Cultura Galega lanza unha web-hemeroteca de publicacións feministas, A Saia
Compartir Este Artigo
