En 2014, houbo un medre considerable na cifra de ataques maliciosos a computadores e dispositivos móbiles, amais “dun meirande desenvolvemento do malware financeiro”. Por outra banda, foi un ano de cambio nos emprazamentos de orixe e nos camiños seguidos tradicionalmente polos ataques web. De feito, segundo informa Kaspersky Lab no seu informe de ameazas 2014, a maioría dos ataques do ano anterior leváronse a cabo empregando recursos web localizados en Estados Unidos e Rusia, pola contra neste ano que enfía a súa recta final, foi Alemaña a que deu acubillo a máis sitios maliciosos (máis que ca calquera país coa única excepción de Estados Unidos). En terceiro lugar situouse Holanda. En total, Kaspersky rexistrou mil millóns de ciberameazas máis ca en 2013.
Ademais, o laboratorio de seguridade e investigación foi quen de bloquear 1,4 millóns de ataques a dispositivos baseados en Android, catro veces máis có ano pasado. No informe da empresa tamén se fai saber que se impediu o fluxo de 3,7 millóns de intentos de ataques a equipos baseados en OSX. De feito, sinálase, “o usuario de Mac atopou unha media de 9 ameazas durante o ano”.
Amais do devandito, localizáronse 12.100 troianos de banca móbil, 9 veces máis ca en 2013. “O 53% dos ataques”, informa Kaspersky, “tiñan como obxectivo roubar diñeiro aos usuarios a través de SMS-troianos e troianos bancarios)”. A investigación tamén fai saber que o 19% dos usuarios de Android (un de cada cinco) atopou unha ameaza móbil polo menos unha vez durante o ano, e que o 75% dos ataques dirixidos contra as finanzas dos usuarios levouse a cabo empregando malware bancario. Ao fío disto, a empresa lembra que o roubo da carteira de Bitcoins foi a segunda ameaza bancaria máis popular (14%).
En 2014 rexistráronse mil millóns máis de ciberameazas ca no ano anterior
Compartir Este Artigo
