Os responsables de App Ciudad puxeron e marcha o primeiro de mes unha iniciativa tecnolóxica destinada a facilitar que cidadáns e proxectos solidarios poidan atoparse. Trátase de Acción Solidaria, un xeito de estreitar espazos entre os internautas con arelas de botar unha man aos demais e os proxectos que canalizan e materializan esas arelas. A proposta baséase no seguinte: hai unha cantidade inxente de accións solidarias (doazóns de xoguetes, comidas, roupa) que fican en nada por non daren os cidadáns coas portas axeitadas ás que petar.
A iniciativa Acción Solidaria, xa usada a pleno rendemento por cidadáns e tamén por ONG e empresas (que poden publicar de balde as súas campañas para que a xente poida unirse a elas), é unha categoría dentro das aplicacións propias de App Ciudad. Está xa ao alcance da man dos máis 600.000 usuarios que a empresa ten en España e o seu obxectivo principal é converter as franquías desta firma de desenvolvemento de ferramentas móbiles “nun escaparate gratuíto para que as empresas, colaboradores, asociacións e ONG que así o desexen, publiquen as súas campañas solidarias”. Así o recalca José Ramón Cerviño, director xeral da plataforma App Ciudad: “Esta iniciativa é totalmente altruísta e non terá ningún custo para as entidades que queiran publicar as súas campañas solidarias nas nosas aplicacións”.
Lembrar que App Ciudad está dispoñible en máis de 30 puntos nacionais e internacionais e vén de unir todas as súas franquías baixo o seu propio nome nunha aplicación lanzadeira que inclúe novos servizos como as seccións Accesibilidade, con información sobre accesibilidade para persoas con diversidades funcionais ou motrices, ou Viaxa e Traballa, onde se ofrecen ofertas de emprego temporais para quen queira un emprego mentres visita unha cidade.
App Ciudad fornece unha plataforma para permitirnos atopar destino ás nosas accións solidarias
Compartir Este Artigo
