A vindeira semana, o xoves 18 de decembro, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración coa Axencia de Turismo, o Clúster Turismo de Galicia e o Clúster TIC galego, organizarán no salón de actos do edificio CINC da compostelá Cidade da Cultura, unha xornada sobre retos e oportunidades tecnolóxicas para o sector do turismo. E a quen vai encamiñado este encontro? Pois a empresas do sector tecnolóxico e do sector turístico que queren abranguer os retos pendentes na aplicación das novas tecnoloxías ao turismo e atopar as solucións máis innovadoras neste eido.
Emporiso, a apertura do encontro correrá a cargo da directora da AMTEGA, Mar Pereira Álvarez, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal.
O programa da xornada, que se desenvolverá en horario de 10.00 a 20.00 horas, inclúe varios relatorios sobre as oportunidades e as transformacións que supoñen as TIC para o sector turístico. A primeira conferencia da mañá tratará os cambios no mercado do turismo en virtude da tecnoloxía. A continuación celebraranse dúas mesas temáticas, a primeira sobre a experiencia do cliente (turista) a través das aplicacións móbiles e a segunda sobre a economía colaborativa e os novos axentes na cadea de valor do turismo.
Na quenda de tarde, abrirase a sesión cunha mesa temática sobre o valor da marca dixital. Logo, farase unha presentación das empresas TIC e do Catálogo de provedores e solucións tecnolóxicas galegas para o turismo (TurismoTIC.gal), unha ferramenta en liña onde as empresas do sector turístico poderán atopar unha mostra representativa de empresas TIC galegas que poden converterse en aliados tecnolóxicos no cumprimento dos seus oxectivos de negocio. A xornada finalizará cun networking no que as empresas poderán aproveitar para facer contactos e buscar oportunidades.
Informar que a asistencia á xornada é de balde, previa inscrición a través da páxina web do CDTIC.
A tecnoloxía no turismo, eixo temático dunha xornada o día 18 na Cidade da Cultura
Compartir Este Artigo
