A principal diferenza entre WhatsApp e outras plataformas de correo instantáneo é que a ferramenta propiedade de Facebook só está dispoñible dende o móbil, o que é un grande signo diferenciados que en moitas ocasións muda en todo un atranco, pero que podería mudar no futuro se atendemos a un descubrimento no código da última versión para Android de WhatsApp, publicado polo blog Android World, onde poden verse referencias a WhatsApp Web, o que sería unha versión da aplicación para navegadores web, o que podería permitir que puidésemos acceder ao servizo dende o ordenador.
Actualmente podemos acceder a web.whatsapp.com para ver o que sería a páxina de entrada ao servizo (que actualmente pide identificación mediante contas de Google, aínda que non deixa acceder ao servizo) e que, segundo Android World, levaríanos a unha páxina na que poderiamos ver os navegadores conectados cunha mesma conta, así como a data e a hora da última conexión e a posibilidade de desconectar todas as sesións abertas (para evitar que terceiros poidan acceder á nosa información).
De todos os xeitos non está claro que WhatsApp vaia lanzar unha versión para ordenadores do seu servizo, e podería ser simplemente unha interface web para móbiles, o que abriría unha interesante porta a Firefox OS, que ten como principal eiva o carecer dunha versión de WhatsApp para os seus dispositivos (no que en países como España provoca un rexeitamento total a este tipo de terminais).
WhatsApp podería estar a preparar unha versión web do servizo
Compartir Este Artigo

