Este mércores, 17 de decembro, a Factoría de Innovación de Vigo celebrará a partir das 17:00 horas, nas instalacións centrais do Consorcio da Zona Franca de Vigo, o showroom Como as tendencias tecnolóxicas están a transformar o xeito de relacionarnos cos axentes clave da empresa?, incluído no seu Programa de Actividades en Aberto. O principal obxectivo desta actividade é analizar, a través dos casos concretos de Buscadestinos, Grupo Predomina, Ultreia Comunicacións e Ayco Internet, o cambio que as novas tecnoloxías están a provocar na maneira na que as empresas se relacionan coas súas principais audiencias.
Ademais, outro dos cometidos do encontro é dar a coñecer as vantaxes que achegan as TIC á hora de captar novos clientes, reter o talento, relacionarse coa sociedade ou implicar aos provedores na cadea de valor empresarial. Asemade, abrangueranse conceptos como o posicionamento SEM e SEO, as alternativas en software libre para realizar unha xestión de éxito ou as aplicacións de Xestión dos Dispositivos Móbiles (GDM).
Os interesados en participar nesta xornada de balde deben enviar o formulario que atoparán na páxina web da Factoría de Innovación de Vigo. O aforamento está limitado a 100 prazas que se asignarán por rigorosa orde de inscrición.
Programa
17:00h. Apertura da xornada
Rosa Eguizábal. Directora de Promoción Económica. Consorcio da Zona Franca de Vigo
17:15h. Presentacións tecnolóxicas
- Mellorando o posicionamento da nosa empresa en Internet.
José Alcañiz. Xerente. Buscadestinos
- Incorporando o comercio electrónico nas nosas relacións con comerciais con clientes
Fernando Gómez. Director. Grupo Predomina.
- Integrando dixitalmente aos nosos clientes e provedores na cadea de valor
Eduardo Díaz. Socio. Ultreia Comunicacións S.L
- Implicando aos nosos recursos humanos mediante a nova concepción da “mobilidade”.
Fernando Campos. Socio Director. Ayco Internet
19:00h. Quenda de preguntas
19:15h. Fin do showroom
