
Segundo fan saber os responsables da web de Stukers, que conta xa con 5.000 usuarios e 1.200 pisos distribuídos por algunhas das principais cidades do Estado, os motivos de térense presentado aos Premios Incuvi están estreitamente relacionados con coller aínda máis impulso para a iniciativa de seu. “Estes recoñecementos”, sinalan, “foron para nós un excelente trampolín, tiñamos a idea, pero era simplemente iso, unha idea; agora o noso obxectivo é constituírnos en empresa no primeiro semestre de 2015”.
Os Premios Incuvi Emprende, por certo, presentaron esta semana a súa nova edición, unha convocatoria na que, por primeira vez, se fai un chamamento conxunto ao alumnado dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.
Lembrar que entre os proxectos que xa pasaron por estes galardóns, amais de Stukers, atópase Mueve tu vida, unha iniciativa adicada á saúde, o benestar e o deporte adaptado, que, tras gañar os Incuvi Emprende este mesmo ano ven de recibir tamén o galardón para novos emprendedores de Asociación de Jóvenes Empresarios, AJE Pontevedra e foi seleccionado para participar no programa de emprendedores Think Big da Fundación Telefónica.
Outro dos exemplos de éxito é Monet, un dos proxectos gañadores na edición de 2013, centrado no desenvolvemento de I+D+i en viñedos, con clientes xa nas cinco denominacións de orixe galegas, que hai apenas un mes recibiu o Premio Novo Emprendedor que concede a asociación AJE Vigo e o accésit á creación de emprego e á innovación nos premios de AJE Pontevedra.
Segundo fai saber a Universidade de Vigo, Incuvi Emprende ofrece formación, un espazo e a posibilidade de facer contactos e acceder a profesionais aos que, doutro xeito, “non se tería acceso”. Dende que se puxo en marcha esta iniciativa, en 2011, deuse acubillo a máis de vinte proxectos nos tres campus. Desta volta, aos seis espazos dispoñibles na Cidade Universitaria de Vigo (CUVI) e aos dous na sede de AJE en Pontevedra, súmanse outros catro na Tecnópole de Ourense e, tamén por primeira vez, as persoas participantes poderán indicar nun formulario a orde de preferencia do campus no que lle gustaría instalarse.
Os interesados en concorrer a esta convocatoria deben presentar as súas solicitudes antes do vindeiro 19 de xaneiro, sempre e cando sexan estudantes da Universidade de Vigo ou ben titulados a partir do curso 2011-2012. As propostas poden ser individuais ou de grupos compostos por un máximo de catro persoas, actuando un deles como coordinador/a. Os futuros empresarios e empresarias potenciais deberán presentar a solicitude en calquera dos rexistros da Universidade, explicando nun documento a idea emprendedora, tarefa a que deben dedicar un máximo de 10 páxinas.
Posteriormente, e tras realizar cadansúa entrevista persoal, elixirase aos finalistas, que deberán ser avaliados por unha comisión na que participarán persoas relacionadas co eido universitario e co empresarial. Entre estes finalistas deberán elixir aos gañadores, valorando especialmente o carácter innovador do proxecto, a empregabilidade, a potencia internacional, o aproveitamento dos recursos dispoñibles, o nivel de implicación do ou dos promotores ou a responsabilidade social do proxecto.
Os responsables de Stukers e a Universidade de Vigo presenta unha nova edición dos Premios Incuvi Emprende
Compartir Este Artigo
