
O proxecto tivo o seu xermolo na colaboración previa: Imaxin e Marinva levan xa tres anos colaborando “de forma constante” no ámbito do desenvolvemento informático, xuntando dúas traxectorias profesionais que suman, por separado, máis de quince anos de traballo e experiencia.
A través deste pacto, Imaxin vai pór en xogo a súa bagaxe “como empresa de servizos software que conta cun departamento de multimedia especializado na creación e desenvolvemento de videoxogos educativos, serious games e outros produtos interactivos relacionados co xogo, a formación e a divulgación”. Pola súa banda, Marinva é, en palabras de Imaxin, “unha firma referente na axuda a colectivos diversos a acadar os seus obxectivos específicos mediante o desenvolvemento de estratexias, servizos e produtos de comunicación, formación e participación, baseados en metodoloxías lúdicas e xogos”. Marinva, engádese, “traballa a actividade lúdica como unha eficaz metodoloxía para transmitir e comunicar: valores, contidos, actitudes e competencias”.
Entre as solucións futuras que se levarán a cabo coa visualización de ambas empresas poderemos atopar produtos e servizos de formación, divulgación e mercadotecnia baseados en mecánicas de xogo e gamificación. Ao fío disto, cómpre lembrar que as dúas compañías organizaron este mes de outubro unha moi concorrida xornada no Centro Demostrador TIC baixo o epígrafe Aplicación da gamificación na empresa: motivación e produtividade.
Imaxin e Marinva tamén salientan os artigos científicos que ao redor da gamificación escriben profesionais das dúas empresas. Entre estes artigos atópase Tendencias y estado actual de la gamificación en la producción audiovisual para o libro Contenidos digitales en la era de la sociedad conectada editado por Fragua.
Imaxin desenvolverá produtos multimedia pedagóxicos coa firma catalá Marinva
Compartir Este Artigo
