Hoxe, co sorteo de Nadal facendo ruído, toca falar de lotaría e de aplicacións para informarnos sobre ela. Por exemplo a aplicación galega 7v, unha ferramenta que os seus responsables presentan como “o xeito máis doado de termos controlados os décimos de lotaría e saber, canto antes, se nos tocou o gordo de Nadal”. Podemos vela xa na App Store, acompañada dun máis que completo vídeo explicativo, onde se nos conta que para tirarlle proveito o único que temos que facer, amais de descargala, é premer o botón de escáner do iPhone ou do iPad e escanear o noso boleto, sen que esteamos obrigados a indicar que sorteo imos dixitalizar, xa que a ferramenta é quen de detectalo de xeito automático.
“Con 7v”, indican os seus desenvolvedores, “poderemos xestionar os nosos boletos e apostas de xeito eficaz, almacenalos, compartilos con quen queiramos ou comprobar os nosos premios”. Á nosa disposición temos a posibilidade de visualizar os boletos e apostas xunto co sorteo asociado e o premio obtido, con resaltado de números acertados.
Como dixemos, 7v é un recurso de raizame galega. De feito, foi desenvolvido pola firma Evelb, con sede no Milladoiro (Ames), adicada ao asesoramento TIC en materia de software, hardware ou web e máis á creación de aplicacións móbiles para plataformas iOS, Android e Windows Phone.
Volvendo á aplicación 7v, indicar tamén que amais da Lotería Nacional, tamén permite comprobar se temos premio na Primitiva, en Euromillones, na Bonoloto e máis no Gordo da Primitiva.
Vídeo promocional da aplicación
Chega unha aplicación galega para comprobarmos se hai premio na Lotaría: 7v de Evelb
Compartir Este Artigo
