A empresa galega Grupo Femxa vén de facerse co recoñecemento europeo á máxima excelencia, a acreditación EFQM 500+, sendo así un dos 53 embaixadores da Marca España no mundo, grazas á dita distanción. Cómpre subliñar que é a primeira vez que unha empresa do sector da formación acada este galardón que en toda Europa só posúen 100 empresas. O dito recoñecemento outórgase logo de ter superado Femxa, de xeito satisfactorio, un esixente proceso de avaliación no que se comproba a maneira de traballar da compañía, a súa boa praxe, o impacto das súas actividades na sociedade e que, nos seus sectores de actividade, son organizacións recoñecidas e referentes.
O premiado Grupo Femxa é unha multinacional especializada no sector da formación e no ensino TIC, que naceu en Vigo hai algo máis de 15 anos da man de tres emprendedores que estudaron na Universidade da cidade e que contan con 400 empregados en Galicia, amais dos integrantes das súas delegacións por toda España, América Latina e países do Leste europeo.
Ao recibir o premio do Club de Excelencia en Xestión, Patricia García asegurou que se sentía feliz e que “unha vez máis se demostra que o esforzo e as boas prácticas, o concepto ético da empresa, teñen a súa recompensa. Neste senso -asegurou- seguiremos traballando por ser cada día, mellores, non só cos nosos clientes, senón tamén cos nosos traballadores e provedores externos e o impacto que na sociedade xeran as nosas actividades orientadas á formación e a empregabilidade”.
Asemade, Patricia García aproveitou o acto para comentar algo do que sente “especialmente orgullosa”, pois o 80% do persoal da súa empresa son mulleres, pero ademais, máis da metade dos postos directivos de Grupo Femxa tamén están en mans de mulleres: “Para nós é fundamental que os traballadores poidan conciliar vida persoal e laboral, por iso pactamos unha xornada flexible que posibilita saír ás 17 horas, a tempo de recoller aos nenos do colexio ou realizar outras actividades que nos enriquezan como persoas. Comprobamos que un traballador contento coa súa vida e desenvolvido como persoa, está máis motivado e é, por tanto, moito máis produtivo”.
Femxa acada o recoñecemento europeo á excelencia
Compartir Este Artigo
