O Centro Demostrador TIC da AMTEGA incorpora unha nova aplicación libre na nube ao CDTIC Virtual. Trátase de Xeshostal, unha ferramenta para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos estatísticos, que foi liberada o ano pasado pola AMTEGA en colaboración co Instituto de Estudos Turísticos de Galicia (IETG) dependente da Axencia de Turismo.
Esta aplicación permite aos pequenos establecementos xestionar as súas reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; fixar e modificar os prezos dos cuartos en función das características dos mesmos; obter informes de xestión e planificación semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza…
A través do CDTIC Virtual os pequenos establecementos poderán probar directamente as utilidades de Xeshostal e avaliar a súa adecuación ás necesidades do seu negocio, sen necesidade de facer ningunha instalación ou configuración que requira de infraestrutura tecnolóxica ou de coñecementos informáticos. Este servizo do CDTIC Virtual busca facilitar aos xerentes e propietarios dos establecementos a toma de decisións de cara a realizar a inversión que requira o despregue da aplicación no seu negocio.
Os establecementos hostaleiros interesados en probar esta ferramenta na nube, poden cursar a súa solicitude a través da web do CDTIC.
