A privacidade en Facebook é unha habitual causa de polémica, moitas veces por non entenderse ben cal é o funcionamento das numerosas opcións que ofrece a plataforma social creada por Mark Zuckerberg, e como bo exemplo diso estamos a ver estes días unha extensión do navegador web Chrome chamada Picturebook que permite ver as fotografías ocultas de calquera persoa en Facebook (incluso das que non sexan os nosos amigos).
Realmente esta extensión non fai dispoñibles as imaxes que os usuarios comparten de xeito privado, senón que aproveita unha confusión moi habitual dos usuarios, que consiste en ocultar contidos da súa cronoloxía, o que non muda a súa configuración de privacidade, senón que simplemente deixa de presentalas nun espazo en concreto de Facebook, restándolles visibilidade, pero non facéndoos desaparecer.
Picturebook aproveita a confusión, e localiza o material que os usuarios agochan das súas cronoloxías, dándolle unha maior visibilidade, polo que de querer afastar as imaxes da nosa cronoloxía o máis recomendable sería eliminar a nosa etiqueta das mesmas ou incluso solicitar a súa eliminación (o que dependerá da persoa que subise a fotografía en cuestión). No caso das imaxes subidas por un mesmo, cómpre lembrar que sempre podemos controlar a súa privacidade, de xeito que só poderán vela as persoas que indiquemos con independencias de que estea presente ou non na nosa cronoloxía persoal.
Unha ferramenta revela as fotografías que agochamos da nosa cronoloxía de Facebook
Compartir Este Artigo
