Co comezo do ano, a axencia AMTEGA fixo reconto do acubillado a través do seu Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, un servizo integrado na páxina web do Centro Demostrador TIC que se dirixe a achegar ao noso tecido económico (todos os sectores) un escaparate da oferta tecnolóxico-dixital galega amais de constituírse como punto de encontro para os que desenvolven ferramentas e programas e para os que demandan delas. Así pois, o Mapa rematou 2014 con máis de 300 provedores, 700 solucións TIC galegas e 480 empresas non TIC como casos de éxito de implantación de solucións tecnolóxicas.
“Este ano que vimos de deixar atrás”, explica a axencia, “foi o ano no que máis incorporacións rexistrou esta ferramenta en liña, 10 puntos por riba da media de altas rexistradas en anos anteriores”.
Como dixemos, o MapaTIC.gal é un directorio en liña onde as empresas demandantes de tecnoloxía poden localizar facilmente provedores, produtos e servizos tecnolóxicos galegos. En palabras de AMTEGA, “proporciona un escenario ideal para crear oportunidades de negocio TIC local e permite fomentar a cooperación intersectorial de cara a mellorar a competitividade do sector tecnolóxico galego”.
As empresas demandantes de tecnoloxía que están á procura de aliados tecnolóxicos no seu proceso de transformación dixital poden atopar “unha completa e variada oferta tecnolóxica”. Esta é o do máis variado e abrangue dende ferramentas de xestión e comunicación con clientes e socios ata servizos de consultaría e estratexia de mercadotecnia dixital, pasando por aplicacións móbiles (apps), servizos de formación tecnolóxica ou desenvolvementos de ferramentas de realidade virtual ou aumentada.
O MapaTIC.gal xa acubilla máis de 700 solucións para as nosas empresas
Compartir Este Artigo
