O buscador Google segue adiante facendo cousas que xa pouco teñen que ver coa súa actividade primeira: buscar información para nós. Segundo se fixo saber estes días, a empresa atópase mergullada no desenvolvemento dunha tecnoloxía de acceso a Internet móbil que empregaría a banda de frecuencias dos 3,5 xigahercios. Esta tecnoloxía constituiría o primeiro paso para unha nova rede de comunicacións móbiles ligado, con toda probabilidade, ao concepto de Cidades Dixitais. A rede tería capacidade para levar cargas pesadas de datos en espazos de tráfico intenso.
A medida achégase como alternativa ás posibilidades que se lles abre ás empresas TIC coa liberación do Dividendo Dixital (liberación da banda dos 800 Mhz), fixada finalmente en España para o remate do mes de marzo e aplicable, coas súas diferenzas, a todos os países da contorna.
Con este proceso de despexe a devandita banda de frecuencia, como lembraremos, ábrese espazo no seu seo para as novas redes móbiles 4G e unha optimización da cobertura das mesmas en todo tipo de áreas (non só urbanas e exteriores senón sobre todo non urbanas e interiores). Porén, a intención de Google semella ser a de coller un vieiro alternativo, apostando en Estados Unidos polas frecuencias superiores aos 3,5 GHz, unhas frecuencias que non están a ser empregadas na actualidade dende o punto de vista comercial, só polos servizos de urxencias ou polos departamentos militares.
A compañía xa obtivo os permisos para facer probas sobre a dita banda de frecuencias, que se desenvolveron na sede central da empresa en Mountain View e en Washington DC. Estas avaliacións, segundo informa o Wall Street Journal, leváronse a cabo en secreto. Para os analistas do xornal, non se trataría de crear unha división dentro de Google para competir directamente coas operadoras, senón máis ben para acadar unha rede secundaria que tiraría proveito dunha banda non de abondo explotada e que fornece moitas posibilidades. Segundo se conta, o resultado destes traballos podería ser o alicerce dunha rede Wi-Fi para grandes cidades.
Google experimenta coa banda alternativa dos 3,5 GHz para impulsar a telefonía
Compartir Este Artigo
