O pasado mes de decembro, como lembraremos, a web rastrexadora de arquivos torrent The Pirate Bay foi intervida pola Policía sueca como froito dunha operación que tivo a súa orixe nas violacións de dereitos de autor que, a xuízo das autoridades do país, acubillaron, alentaron e xeraron os responsables da dita páxina. A intervención e a posterior caída da Rede de The Pirate Bay (unha caída que rematou con varios anos de esforzos e traballos por evitar que as autoridades dalgún país bloqueasen os seus contidos) abrangueu a outras páxinas web ligadas á rede BitTorrent (sitios como EZTV, Zoink ou Torrage) e, máis de trinta días despois de terse efectuado, segue a ter repercusión. Sen ir máis lonxe, os responsables de The Pirate Bay lanzaron unha mensaxe en código cifrado (segundo o protocolo AES) que vén de ser desvelada co comezo desta semana.
Como lembraremos, na parte inferior da pantalla de inicio, a páxina amosaba con feitura de imaxe unha clave alfanumérica que agochaba como nome de arquivo o texto AES. Isto acompañouse dun contador noutra parte da pantalla que informaba dunha conta de atrás que remataría o primeiro día de febreiro. A teoría xerada por estas pescudas apuntaba a un retorno de The Pirate Bay logo do remate da conta de atrás, un regreso con cifrado AES. Finalmente confírmase que a mensaxe é precisamente (ou semellante, tratándose con certa probabilidade dunha volta con o dito cifrado), tal e como foi quen de descubrir o usuario chamado dafky2000, a quen o feito de descifrar a clave alfanumérica levouno a un vídeo de YouTube no que se ao actor Arnold Schwarzenegger repite a palabra “volverei”.
Como sinalamos o pasado mes de decembro, estaba máis o menos claro que o espírito de The Pirate Bay ía proseguir, aínda que a incógnita radicaba no “como” e en “de que maneira”. Agora todo apunta a que será baixo feitura de AES (Advanced Encryption Standard), un tipo de cifrado que tamén se coñece como Rijndael (pronunciado “Rain Doll” en inglés) e que consiste nun esquema de blindaxe de información por bloques. Trátase, ademais, dun dos algoritmos máis empregados da actualidade, considerado un dos máis seguros, e está dispoñible para uso público. O algoritmo baséase en varias substitucións e transformacións lineais, executadas en bloques de datos de 16 bytes.
The Pirate Bay anuncia o seu regreso con cifrado AES
Compartir Este Artigo
