O Eixo Atlántico vén de estrear nova páxina web, unha presenza en liña renova cuxo obxectivo é achegar meirandes comodidade e utilidade aos usuarios e visitantes. Segundo se fai saber, a nova presenza dixital do Eixo Atlántico dispón de áreas de descarga de publicacións, artigos e informes dos diversos departamentos da entidade. Lembrar, para quen non o saiba, que o Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular foi creado en 1992, co apoio da Comisión Europea, constituíndose como unha asociación transfronteiriza que integra as 34 principais cidades de Galicia e o Norte de Portugal.
Volvendo á web acabada de estrear, dicir que salienta polo seu deseño intuitivo e polo sinxelo artellado da información e dos seus accesos, unha información que consiste na actualidade do Eixo, as súas cidades e territorios así como os datos que máis lles atinxen sobre a actividade da Unión Europea.
Tamén se dá acubillo ás redes de cooperación nas que participa o Eixo Atlántico e as publicacións, artigos e informes elaborados polos diversos departamentos da entidade. Inclúe, en palabras desta, “unha ampla información das actividades desenvolvidas non só na actualidade, senón tamén ao longo da historia do Eixo Atlántico”. Ao fío disto último, salientar que a web achega unha biblioteca que inclúe todo o publicado ao longo das máis de dúas décadas de existencia do organismo galego-portugués, así como informacións útiles sobre o pago de peaxes en Portugal, conexións por estrada, tren e autobús na eurorrexión e información sobre as cidades que integran o Eixo Atlántico. A páxina está editada en tres idiomas, galego, portugués e castelán.
O Eixo Atlántico potencia na súa nova web os múltiples recursos conxuntos da irmandade galego-lusa
Compartir Este Artigo
