Entre as empresas galegas que están a atopar asesoramento e facilidades de networking (e tamén e sobre todo de crowdworking, que é como o traballo en rede con outros profesionais pero sen límites nin barreiras) no centro Galicia Open Future de Telefónica (Cidade da Cultura de Santiago) atópase a a spin-off da Universidade de Vigo Environmental Physics Technologies (Ephytech), que botou a andar fai apenas meses para achegar solucións “máis eficientes e competitivas que as existentes” a problemas ambientais e de enxeñaría. A iniciativa empresarial, xurdida do grupo de investigación Environmental Physics Laboratory (EphysLab), foi presentada os días pasados na inauguración oficial de Galicia Open Future e agora colle novos folgos cun salientable crecemento da súa carteira de clientes, entre os que xa se atopan investigadores europeos e empresas privadas españolas.
Como lembraremos, o obxectivo da spin-off é dar solucións útiles para as empresas de sectores como a enxeñaría ou a construción. Para isto, Ephytech pon á súa disposición recursos innovadores como por exemplo un pioneiro simulador de fluídos que axiliza, rendibiliza e optimiza o traballo dos profesionais destas empresas, xeralmente de gran complexidade. “A nosa ferramenta”, explicaron os responsables da empresa durante a inauguración oficial de Galicia Open Future, “salienta porque é de baixo custe e contribúe, e moito, a acurtar os procesos de produción”. Como dixemos, o software de simulación de Ephytech está a ser usado a día de hoxe por empresas de primeira liña internacional, tanto dos sectores da enxeñaría marítima e civil como tamén das enerxías renovables. Segundo informa a UVigo nun plano máis detallado, os investigadores de Ephytech están a traballar na mellora da visualización de fluídos cun grupo de científicos de Francia; en problemas de enxeñaría marítima, como o deseño de diques ou a protección de costas; no deseño de dispositivos que permitan o aproveitamento da enerxía das ondas ou nas simulacións ou animacións para que determinados aspectos sexan máis atractivos de cara a unha presentación nunha entidade. Tamén están especializados en fotogrametría, a través da que cun helicóptero ou cun dron, sinalan, “sacamos unha serie de imaxes para despois poder facer un levantamento topográfico en 3D, vídeos divulgativos”.
O equipo de Ephytec, engade a Universidade de Vigo, é multidisciplinar. Así, está formado por dous físicos, Alejandro Cabrera e Anxo Barreiro; dous enxeñeiros informáticos, José Manuel Domínguez e Orlando García; e un licenciado en Administración e Dirección de Empresas, Ángel Álvarez, que exerce como administrador da spin-off. Todos eles son licenciados da Universidade de Vigo, na que tamén desenvolveron diferentes facetas investigadoras.
Como dixemos, Ephytech foi un dos 50 proxectos seleccionados para participar na primeira edición de Galicia Open Future, centro de emprendemento impulsado por Telefónica e a Xunta de Galicia que ten a súa sede na Cidade da Cultura. Elixidos como unha das iniciativas con máis potencial de entre as 130 presentadas, só por participar nesta fase recibirán 2.000 euros achegados pola Axencia Galega de Innovación. Engadir que arestora están a traballar arreo para optar aos 25.000 euros que se lles darán aos tres mellores proxectos para investir no desenvolvemento da empresa. .
Ephytech afianza a súa andaina dende Galicia Open Future
Compartir Este Artigo
