As empresas de Galicia Open Future deron a coñecer o seu elevado potencial na inauguración do centro de crowdworking

venres, 12 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

Na inauguración oficial da aceleradora de empresas TIC Galicia Open Future, da que falamos en detalle este mércores dende Código Cero, achegouse tamén punto de vista dos directamente implicados neste centro de crowdworking impulsado por Telefónica e AMTEGA: os responsables das empresas aceleradas, asesoradas e fortalecidas. Foi despois das citas cos presidentes da Xunta e de Telefónica, Alberto Núñez Feijóo e César Alierta, e desenvolveuse no miolo mesmo da factoría TIC emprazada en Gaiás, ou sexa no espazo onde traballan, comparten impresións e afinan puntería as 50 iniciativas empresariais seleccionadas por Telefónica para adherírense a Galicia Open Future.
Alí tivemos ocasión de coñecer en detalle as principais motivacións dos expertos que traballan día tras día cos emprendedores galegos (“a nosa principal motivación é que os proxectos que apoiamos se convertan en realidades”) e os obxectivos e estratexias dunha parte dos proxectos acelerados (por motivos lóxicos de tempo e dispoñibilidade, non houbo marxe para que o medio centenar de iniciativas se dese a coñecer).
Abriu a quenda de presentacións Débora Franco, co-fundadora de Monet Tecnoloxía (monet-ti.com), empresa recentemente distinguida co Premio Novo Emprendedor que concede a asociación AJE Vigo. Posta en marcha por tres enxeñeiros de Telecomunicación, céntrase en boa medida na investigación e desenvolvemento de novos produtos e servizos tecnolóxicos para o sector vitivinícola. Por exemplo: unha plataforma web que permite que as adegas poidan controlar o viñedo desde calquera dispositivo móbil. Con este recurso, fixo saber Débora, unha explotación de viño ten na súa man un control total sobre os parámetros ambientais que atinxen á uva e a súa calidade final. Ou sexa, que o responsable dunha empresa vitivinícola ponse en situación de predicir calquera risco relacionado cos seus viñedos, de xeito que terá marxe de abondo para aplicar as medidas fisiosanitarias preventivas que considere axeitadas. Débora abriu a súa presentación lembrando aos presentes que España é líder en produción mundial de viño, pero todas as empresas (moitas) comparten dende antigo o mesmo problema: Como diferenciarse entre tanta oferta? “Aí entra en xogo Monet coas súas tecnoloxías”, explicou, ao tempo que engadiu que arestora a empresa conta con sete clientes de todas as Denominacións de Orixe galegas, sendo o seu obxectivo afianzarse no sector estatal e máis no francés, o italiano e o portugués.
Na xeira de relatorios e presentacións tamén participou Avelino Correa presentando CreaAppcuentos (creappcuentos.com), a aplicación galega para dispositivos con Android e iOS que permite a materialización de contos ou historias dun xeito sinxelo e, sobre todo, creativo. Correa lembrou que a iniciativa xurdiu cando se decatou, lendo contos á súa filla, da comenencia de actualizar determinados relatos á realidade actual, do mesmo xeito que se actualizan moitos outros recursos ou elementos culturais e tecnolóxicos. Con CreaAppcuentos, dixo, en parte ofrécese a oportunidade: a oportunidade de refacer o antigo (en ocasións desfasado ou inoportuno) ou de facer dende cero. Achégase tamén a ocasión de facelo en calquera lingua, sendo o conto en si mesmo o eixe arredor do que se vertebra a iniciativa todo. “Os contos seguen a ser ferramentas idóneas para trasladar cultura”, dixo.
A continuación foi a quenda de Rodrigo Garrido, responsable de Stukers (stukers.com), empresa que adica os seus esforzos a achegar tecnoloxía para facilitarnos ao máximo a procura dunha vivenda compartida. O servizo, de especial interese para estudantes ou xente nova que queira independizarse, pon preto do usuario as persoas da comunidade en liña “máis potencialmente idóneas coas que compartir piso”. Ou sexa, aquelas coas que o usuario tería, definitivamente, máis cousas en común. “Non queremos que a xente atope só a vivenda que máis lle guste, senón á xente coa que se sinta mellor, a máis acaida”, sinalou Rodrigo, que tamén lembrou que Stukers ten arestora 2.300 pisos rexistrados e máis de 5.000 usuarios, amais dun importante número (que medra por segundos) de casos de éxito.
Por último, os participantes na presentación oficial de Galicia Open Future tiveron ocasión de coñecer a actividade de consultora en enxeñaría Ephytech, unha spin-off da Universidade de Vigo (grupo de investigación de Física Ambiental), presentada no centro de emprendemento de Telefónica polo seu co-fundador Anxo Barreiro, quen informou que o obxectivo da súa iniciativa é dar solucións útiles para as empresas de sectores como a enxeñaría ou a construción. Para isto, Ephytech pon á súa disposición recursos innovadores como por exemplo un pioneiro simulador de fluídos que axiliza, rendibiliza e optimiza o traballo dos profesionais destas empresas, xeralmente de gran complexidade. “A nosa ferramenta”, explicou, “salienta porque é de baixo custe e contribúe, e moito, a acurtar os procesos de produción”. Por certo que o software de simulación de Ephytech está a ser usado a día de hoxe por empresas de primeira liña internacional, tanto dos sectores da enxeñaría marítima e civil como tamén das enerxías renovables.
Volvendo a Galicia Open Future, lembrar que comezou a súa andaina en setembro e que dá acubillo a medio centenar de empresas innovadoras do sector TIC. Polo tanto, o que se deu a coñecer este mércores 10 foi, en realidade, unha pequena parte do seu amplísimo potencial. Amais das empresas devanditas, forman parte da aceleradora de Telefónica as seguintes empresas: 2DApp, App G Iuris, Audiobeesual, Automatic Parallelization of Sequential Codes, Avalingua, Barkibu, Bluscus, Centro Presupostos de Obras e Servizos MultiSectorial, Crops Signs, Dam it!, Deicom Retail, Deskally, Elijomisartistas, Entránsito, Eyedvisor, Gameleon, Garagapp, Gestor de Competiciones y Actas Federativas, HelpPark, Imbolc, Keyless Home, Loom, Miúdo, Mueve tu vida, Muralshopping 3D, Parkapp, Photoway, Plataforma de intercambio e comercio electrónico con Bitcoin, Popcomp, Print & Digital Handys, Proxecto FX, Readmusync, RelEYEble, Saborplace, Sedaqua, Servando, Situm, Sistema de Gestión de Atención Temprana, Torus, Trendonme, Ubiplay, Vidahora, VirtualPlanet360, Wave Technologies, Weadress, WeKAb e Weknow.