Nuns días nos que hai moita sensibilidade ao respecto da liberdade de expresión, concretamente co uso do humor, sorprende ver como dende Twitter non lles treme o pulso á hora de suspender temporalmente a conta dun usuario por “publicar información ou imaxes privadas dun individuo”, cando o único que fixo realmente foi ironizar sobre un comentario doutro usuario de Twitter incluíndo a súa fotografía de perfil (información claramente pública).
A conta de usuario suspendida, @Barbijaputa, era claramente recoñecida como unha conta satírica con máis de 157.000 seareiros, polo que resulta difícil de entender como dende a plataforma social toman medidas drásticas sen comprobar realmente se a reclamación presentada está fundamentada.
A polémica xurdiu a partires dun chío de Isaac Jiménez, no que excedendo certas barreiras de respecto e bo gusto asegurou que “o 60% dos infectados pola hepatite C é por consumir drogas vía intravenosa e o 15% por ir de put*s. E temos que pagar”, o que levou a @Barbijaputa a responder cun comentario no que retorcía o texto orixinal para volvelo na contra do seu autor: “Ides de put*as e picades a vea e quen ten que pag*ar? El -> @isaacj”, engadindo a fotografía de perfil do mencionado, ou sexa, unha reacción que non infrinxe en absoluto as políticas de Twitter, e que entra claramente dentro da liberdade de expresión, de xeito que incluso entidades como FACUA están a manifestarse en contra do xeito de actuar de Twitter, destacando que con estas prácticas Twitter vulnera o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios, o Código Civil e a Constitución Española, polo que procederon a remitir as respectivas denuncias ante as autoridades estatais pertinentes.
Twitter cancela inxustificadamente unha conta satírica
Compartir Este Artigo
