Hoxe pecha o prazo de presentación de achegas orixinais a terceira convocatoria do certame InvestigArte, concurso dirixido a buscar, salientar e premiar imaxes con capacidade para “transmitir unha visión artística da ciencia e a tecnoloxía”. O certame, que incluirá as obras máis sobranceiras nunha escolma colectiva a xeito de exhibición itinerante pola nosa terra, vai dirixido a investigadores e estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. O evento vén da man dun grupo de investigadores do Campus de Excelencia Internacional da USC, Campus Vida, de educaBarrié, do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) e da Universidade da Coruña. Os distintos chanzos do desenvolvemento do concurso vanse amosando en detalle na web investigarte.es.
Amais das devanditas entidades, tamén apoia o concurso a Fundación Telefónica, que o seleccionou como unha das 100 innovacións educativas máis eficaces para fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas. Os investigadores poden enviar as súas obras en dúas categorías: macrofotografía (para imaxes ou vídeos de obxectos maiores dun milímetro) e microfotografía (para obxectos de tamaño igual ou menor a un milímetro). Na modalidade dirixida a estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP, ademais de fotografía e vídeo, engádese a posibilidade de participar con ilustracións.
Como dixemos, as 30 mellores obras nas distintas categorías serán seleccionadas por un xurado profesional e formarán parte da colección itinerante de InvestigArte que visitará distintos centros sociais e educativos. No que respecta aos premios desta nova edición, incorpórase o premio especial Roche, destinado a investigadores.
InvestigArte fai un último convite a achegármoslle as nosas visións da tecnoloxía e a ciencia
Compartir Este Artigo
